viernes, 4 de enero de 2008

Raiolas avanza, o seu público (nós) tamén


Algunha vez teño falado nalgún sitio do que supuxo a irrupción de Raiolas na comarca do Valadouro, a anecdótica e coincidente agrupación duns coñecidos e amigos que canalizaron o seu talento creativo e expresivo a través do teatro.

Esta foi a semente que agromou e aínda é o principal vencello deste movemento cultural que non tardaria en explorar outros medios como o radiofónico, o audiovisual…ademais de fornecer de xeito eficaz o Mercado Medieval que revive anualmente o castelo de Pardo de Cela e o seu Alfoz.
En Raiolas e non é retórica, hai luz abondosa, ideas e talento para executalas, o xenio non se adiciona simplemente, multíplicase e complementase.Onde se precisan estilos e carácter, aparecen perfís para dar corpo e alma as personaxes e tramas propostas.

Esta agrupación vive un momento doce, os proxectos bulen en efervescencia e as gañas e enerxías semellan intactas. No equipo hai profundidade e relevos múltiples con moita xente atrevida e disposta con ilusión a pisar a escea. Saben administrar ben as capacidades e posibilidades de cada un nunha admirable autoxestión no que a amizade prevalece sobre calquera outra cuestión.

Pero Raiolas foi máis alén e moveuse con risco das cómodas coordenadas dun xénero que lle proporcionaba éxitos e aplausos asegurados na platea. Nun xesto atípico no ámbito do teatro amateur, o colectivo alfocense decidiu medrar, buscar novos retos e desafíos, asumindo un texto máis complexo e ríxido, unha comedia máis sútil onde a interpretación se enriquece con matices e contrapuntos amargos co pretexto do retrato dunha aristocracia decadente e teimosa en aparentar un status perdido ou en agochar uns sentimentos non dignos de exhibir.
Prescindimos do recurso doado da improvisación excesiva e da ambientación costumista que o espectador dixire con devoción.
Se noutros formatos como no cine o una televisión, o mesmo espectador é máis flexible e permeable a diversos xéneros, por que non no teatro? por que non nun teatro para o pobo?
Raiolas aprobou con nota a difícil lección como non podía ser menos en alumnos aventaxados… pero ao mesmo tempo examinaron a un público, ao que inconscientemente se estaba educando…Polo visto na vaga de ruidosos aplausos que arrasou o patio de butacas, aprendimos a lección…
Ssst!! érguese o telón, hai uns mestres en escena…son Raiolas que nos volven a iluminar.

Fotografia da representación de A Pousadeira de Carlo Goldoni na Casa da Cultura do Concello do Valadouro. Na imaxe, a marabillosa Nati Uría, no papel da independente e seductora Mirandolina, conversa co Cabaleiro que interpreta Pepe Peinó, misóxino e rosmón que soporta estoicamente os encantos da bela pousadeira.

2 comentarios:

tangaranho dijo...

...pois viva a iniciativa cultural popular...saudaçons.

Victoria Pages and Cupcakes dijo...

DEBERÍA HABER MOITAS MÁIS INICIATIVAS COMA ESA. SAUDOS E FELIZ ANO CON MOIIITO RETRASO!

Archivo del blog