jueves, 7 de mayo de 2009

Extravagancia & Comodidade

A extravagancia é algo impropio, pouco racional e pouco útil que desafía as leis da lóxica por pura provocación, para desaquelar e chamar a atención. Con ánimo efímero, como botarlle xeos ao caldo.
A extravagancia é incómoda, frecuentemente tola, absurda, aínda que adoita ter estadías fermosas. Probablemente a férrea torre Eiffel colisionou coas cúpulas, igrexas e tellados decimonónicos en Paris. A tolemia romántica de Neuschwanstein do rei Ludwig II ou a mestura exótica do Pazo da Pena en Sintra. Ou unha ópera de Wagner escenificada no río Miño con músicos erguéndose sobre a auga baixo as indicacións dun desquiciado Klaus&Kinski.
Ah! extravaganzia...e comodidade, conceptos antitéticos como a bosta e o veludo. O idioma galego é unha extravagancia que analfabetos galegos porfiaron en conservar (probablemente coa inocua intención da comodidade, porque hai quen fica cómodo sentado co cu nunha toxeira). Para alguén lóxico, aberto ao mundo libre, sen dogmatismos ou imposicións, o galego é como sentarse nunha toxeira ou como levar aos vellos de aldea ao Clube Financiero de Vigo en vez do Luar. É unha opción viscosa e de refugallo, unha lingua primitiva, suxa, de prosodia vacuna, un legado que a moderna Galicia tanto desexa empequenecer no retrovisor urbano.
Concepto 1
O galego non é útil, onde vas triste de ti, máis alá do Padornelo? ( o español é utilísimo e ata eróxeno além dos perineos).
Concepto 2
O galego confunde aos galegos que mesturan equívocamente códigos idénticos. (Como farian os nosos pais e avós "hablando en una lengua que no es la suya" para abrise camiño en formacións regradas e "impuestas", prosperando en campos como a Filoloxia hispánica, Matemáticas, Dereito, Medicina, Xornalismo??
Obsérvese ao fillo da señora Lago envorcado na lama da defensa do castelán (non hai lei do menor para estas exposicións perversas? e presentado pola nai como un inútil que non é quen de resolver un exercicio nunha lingua tan allea como o galego.
No entiendo Shin Chan mamá, tradúcemelo...así si, mamá. Que gusto. (E estes queren o trilinguísmo?
Concepto 3
A amabilidade significa que o galegofalante pase a castelán para non incomodar a seu interlocutor e non impoñerlle ren. (nesta propiedade non hai alteración posible de factores)
Concepto 4
(xa se está poñendo o tema violento)
Estamos en España!(%$>@)
Ou non necesariamente. Os medios españois fan causa común denunciando a discriminación laboral dun inmigrante hispano por non falar inglés en ...EEUU!! que cousa máis estúpida (ironia) Ademais conminan (dada a tradición políglota de Madrid) a que Obama aprenda o idioma da crecente minoría (curioso, aquí si), e se tomen medidas para beneficiar o español nas escolas, prensa, etc. Dunha labazada esfúmase o principio de territorialidade, utilidade e universalidade negado ás linguas periféricas.
Pregúntolle algo a unha moza mexicana en Corsicana (TX, USA) en español e renega tres veces da súa fermosa lingua finxindo o que non é. Poderia ser diglosia ou tamén autoodio, cal é a diagnose Doctor House? ¿Cómo? ¿esas cosas también le pueden pasar al español?

Falade o que vos pete!-berra o fillo non recoñecido da señora de Palmira-poderedes falar castelán en todos os ámbitos.
-Oiga teño un xuízo agora, quero que discorra en galego...
-Serás abertzale e talibán...entiendes perfectamente el castellano. Que ganas de marear!!
-Mi hijo cursa en un CEIP del rural y me viene a casa chapurreando el gallegón (caso GB)
-Nada señora, no se preocupe, lo segregamos...
-Que pobriño...y se va a quedar solico?
-Hum! tiene razón, que los demás cambien "amablemente" al castellano.
-Asi da gusto mamá!!!

Un señor con pinta de Charlot e bigote ralo lidera o think tank que loita contra as tendencias extravagantes: idiomas, presidentes, ecoloxia...ademais de promover o revisionismo de dictaduras amables e cómodas.

Ou como limpar a bosta que recubre o veludo. Unha pequena extravagancia.

Archivo del blog