lunes, 4 de mayo de 2009

Paso Miúdo


Creo que a Fonsagrada é o segundo concello de España en extensión por detrais de Don Benito (Badajoz). Esto nunha terra de atomización municipalista tan dominante, onde os movementos mais ben son de segregación, pode considerarse unha excentricidade que fai dotar a esta bisbarra dunha personalidade senlleira. A enorme xeografía desta terra montañosa parece explicar como a capitalidade que vixila todo o municipio dende un cumio estratéxico, se foi concentrando para proporcionar suficientes servizos e comercios a todas esas entidades tan disgregadas polo concello. Lembremos que foi Pobra de Burón a orixinal referencia administrativa que chegou aglomerar no século XVIII a dez mil veciños.
A altitude faise notar nesta primavera dubidosa cando os bancos de brétema se anudan e se soltan a unha carretera de meandros complicados que tardaremos en esquecer ao final da xornada (un susto e unha anécdota, afortunadamente)
Como nunha pauta guionizada a néboa escampa para sorpresa das nosas expectativas: un abrupto canón que desliza as nosas olladas entre formidables paredes de rocha ata un canal de auga calma e refulxente con esa beleza que só se apreza dende as alturas.
O fío argumental desta historia de camiños é a carretera da II República, unha vía que comunicaría Fonsagrada con Grandas de Salime en Asturias. Seria unha fermosa estrada xunto ao río pero a Guerra Civil interrompeu esa empresa como tantas outras naquel decisivo 36.
E como tantas outras, paradóxicamente, no seu abandono, na súa decadencia quebradiza e ruinosa, descubre un encanto nostálxico, integrado, non, absorbido, por unha natureza implacable que equilibra o home e o mundo.
Cando a estrada se dilúe en corredoira e esta en sendeiro, en pegadas oportunas e intuitivas, é cando a dificultade perfecciona a ruta.
A columna amarela, avanza a paso miúdo sobre os vestixios republicanos, cando o vestixio humano que atopamos é tendente a cero. Cero lixo, cero institución e cero encontro doutros camiñantes. Outra paradoxa: o ser humano renegador da súa condición: a falta de promoción é un estupendo estímulo para o noso pracer.
A estiaxe do río fainos supoñer, nesta época de chuvias, a regulación artificial do encoro. O leito cuarteado en terra negra desprovista de indicios vitais múdanos nunha literaria expedición na procura dun val perdido, a punto de avistar o horrible alarido duna animal xurásico.
Os érvedos chaman a nosa atención cos pequenos froitos vermellos e as follas lustrosas, tamén bidueiros, algún castiñeiro na ladeira, matas de uceiras púrpuras e xestas brancas que algún dos nosos leva en ramiñas co ánimo de transplantar na Mariña. Unha compañeira convídame a inspirar os aromas ocultos entre os matorrais e quero adiviñar con ela o sabor dulzón do mel. Sabemos que hai uns pequenos castros que protexen algún grupo de trobos ali arriba. Non me lembro como son chamados nesta terra. O zumbido aparece e desaparece invisible ao longo do sendeiro. Pero a serenidade e o silenzo nesta fenda tranquila aberta pola historia en Fonsagrada é a tónica da viaxe. Tremo de desasosego cando Ángel Rivas me conta que proxectan anegar aínda máis estas paraxes para producción eléctrica. A estrada republicana e todas estas marabillas que fomos atopando poden ser unha anécdota abisal. Parece que aínda hai moito que espremer neste país. Erizados de muíños, hai centos de solicitudes de minicentrais e encoros maiores nos cursos fluviais galegos. Somos o estado-dinamo...a cambio de que? hai un debuxo de Castelao que se me ven á mente. Tamén se me ven unha frase de Wallace Stegner, novelista norteamericano e gran amante da natureza, que en "Un lugar seguro" reflexiona no que é unha obriga irrenuncíavel do ser humano: deixar a nosa terra, contorno, comunidade, nun estado mellor de como a atopamos e así transmitilo a nosos herdeiros. Parece un principio sinxelo que en Galicia non se cumpre.
(Fotografía propiedade Paso Miúdo)

3 comentarios:

Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.

Archivo del blog